A CIG-Autonómica quere por de manifesto as queixas recibidas por numerosos compañeiros e compañeiras que o día 12 de marzo realizaron o exame para a promoción interna ao corpo auxiliar, subgrupo C2. O exame, que segundo as bases da convocatoria consistía nunha “proba práctica...na que os aspirantes poñan de manifesto o seu coñecemento e manexo de paquetes ofimáticos do contorno MS Office XP...” comezou sendo unha mofa aos centos de opositores e opositoras que se atoparon con dobre paquete ofimático, Office XP e Office 2007, instalado nos PCs.

O sentir maioritario dos opositores foi que este exame de promoción interna responde máis a un tipo de proba onde se acerta ao azar que a unha proba obxectiva que mida o coñecemento de todos e cada un dos opositores respecto ao contorno MS Office XP.

Este tipo de proba contravén ademais o disposto no artigo 18.4 do EBEP que reza: "As Administracións Públicas adoptarán medidas que incentiven a participación do seu persoal nos procesos selectivos de promoción interna e para a progresión na carreira profesional".

E do mesmo xeito ocorre co disposto no artigo 61.2 do EBEP: "Os procedementos de selección coidarán  especialmente a conexión entre o tipo de probas a superar e a adecuación ao desempeño das tarefas dos postos de traballo convocados..."

Dende a CIG-Autonómica queremos por de manifesto que non imos consentir que se deixen prazas vacantes para xustificar este desaguisado, nin que se obvie que a natureza deste proceso é un concurso-oposición, onde deben existir as dúas fases.

E por iso que dende a CIG-Autonómica instamos a Función Pública para que adopte as medidas necesarias e lle dea a este proceso unha solución acorde co fin do mesmo.