Os traballadores e traballadoras da Xunta de Galiza asistimos a un novo escándalo nos procesos selectivos ao subgrupo "A1"

Xa a finais de 2009, desde a CIG-Autonómica denunciabamos ante a Fiscalía as filtracións de exames dos subgrupos C1 e C2 de quenda libre e consolidación, esixindo a dimisión do director xeral da Función Pública. Hai poucos días, denunciabamos tamén o bochornoso proceso de promoción interna ao subgrupo C2.


Continuando esta sucesión de actuacións impresentabeis nos procesos selectivos, agora salta un novo escándalo nas oposicións ao subgrupo A1, esta vez debido a presenza de persoal de libre designación nos tribunais de selección. Dous xefes de servizo da Consellaría de Facenda preséntanse aos exames de promoción interna ao corpo superior da Xunta, simultaneando a súa condición de opositores coa de membros do tribunal que xulga o proceso de acceso libre ao mesmo corpo.

Os motivos para a sospeita acrecéntanse ao coindicir o presidente e a secretaria do tribunal de promoción interna cos dous xefes de servizo no tribunal de acceso libre, do que os catro forman parte. As sombras sobre o proceso selectivo de promoción interna alárganse, ademais, tendo en conta que todos os membros de ambos tribunais son nomeados polo Goberno, sen posibilidades de participación e control sindical sobre o desenvolvemento dos procesos.

Ante estes feitos, desde a CIG-Autonómica esixímoslle á Dirección Xeral de Función Pública que se estabelezan as máximas garantías de independencia dos tribunais destes procesos, impedindo que se poida simultanear a condición de opositor e avaliador para o acceso a un mesmo corpo, aínda que se trate de convocatorias separadas.

Así mesmo, desde a CIG-Autonómica demandamos que se abran cauces de participación democrática para impedir a instrumentalización e a apropiación dos tribunais de selección por parte do Goberno, ao nomear persoas cuxa continuidade no posto de traballo depende da confianza política, como sucede co persoal de libre designación. A gravidade do sucedido esixe que se tomen medidas inmediatas para impedir calquera sospeita de favoritismo ou politización dos tribunais de selección ao emprego público na Xunta.