Como en moitos aspectos da vida, ás veces hai intereses contrapostos que dificultan a resolución dun conflito. Este é o caso das pendentes eleicións de destino das persoas que aprobaron os procesos selectivos a funcionarios/as de corpos xerais, onde hai intereses distintos entre os aprobados e aprobadas de promoción interna e os de acceso libre.


Uns e outros teñen argumentos, todos válidos. Os de libre, din que os seus procesos xa están rematados e queren comezar a traballar. Evidentemente, non podemos mais que darlles a razón. Os de promoción interna entenden que resultan perxudicados para o futuro se os de libre obteñen destino antes ca eles. Tamén certo, pois podería ocorrer que no futuro unha persoa con menos antigüidade teña prioridade á hora de concursar, inclusive que os de promoción interna non poidan concursar nin promocionar e os de libre si.

De sempre, a postura da CIG foi que primeiro se resolvan os concursos de traslados e as vacantes resultantes fosen ofrecidas para destino definitivo ao persoal de novo ingreso comezando por promoción interna.

Mais a realidade nos supera constantemente: procesos selectivos eternos, concursos que non rematan, demandas xudiciais, .. Así, é habitual que Función Pública teña que botar man a postos que non pasaron polo concursos, o que forza a ofrecer destinos provisionais.

Nos procesos referidos houbo moitas mais cambadelas polo camiño:

  1. a primeira medida do goberno de Feijoo foi modificar as bases das oposicións para eliminar o requisito de realizar un exercicio test en galego, o que obrigou a reabrir prazos;
  2. os problemas cos tribunais foron evidentes: primeiro a expulsión dos sindicatos, para de seguido saltar á prensa e á xustiza as sospeitas de filtracións, coas consecuencias das renuncias e as novas procuras de membros para os tribunais;
  3. falta de dilixencia á hora procurar substitucións nos tribunais, de elaborar os exercicios, de convocar as probas;
  4. concursos de traslados eternos, sen convocatoria anual, e cunha excesiva demora para a súa resolución;
  5. amortización de vacantes, o que dificulta nalgún caso que se poida ofrecer o número de prazas necesarias.


Entendemos a exixencia de quenes aprobaron e querer comezar a traballar xa; estamos seguros que non lles gusta a postura da CIG, mais tamén temos certeza de que no futuro, cando xa teñan algún tempo traballado, comprenderán que a CIG non estaba tan mal encamiñada, mentres que outras organizacións sindicais (nomeadamente CCOO), non atendeu a demanda dos empregados de promoción interna. Queremos:

  • Dilixencia máxima para rematar dunha vez tanto os procesos selectivos pendentes como o concurso de traslados.
  • Resolto o concurso, toma de posesión de promoción interna e de seguido aos demais.
  • Se fose absolutamente imposíbel resolver o concurso nun tempo prudente, e inda que defendemos o destino definitivo, poderiamos discutir a necesidade de ofertar destinos provisionais, pero sempre e cando escolla primeiro promoción interna.


Desexamos que sexan certas as declaracións dos responsábeis políticos da administración en canto a que dentro dun mes estarán traballando, e así culminar as expectativas de quenes estean agora no paro. Pero esperamos que o fagan con sentidiño de xeito que primeiro poidan escoller os compañeiros de promoción interna a fin de non perxudicalos para o futuro.