Na xuntanza da comisión técnica de procesos selectivos realizada o 30 de novembro de 2010, a Administración presentou unha nova proposta de modificacións ás instrucións de funcionamento dos tribunais.

Alén de achegar esta proposta, Función Pública trasladou ás OOSS que se está a valorar darlle rango regulamentario ás instrucións para que sexan de aplicación en todos os procesos selectivos de persoal laboral e funcionario. Outra posibilidade sería reproducir as instrucións nas bases de cada proceso selectivo. Función Pública apuntou a posibilidade de que as instrucións se apliquen a procesos selectivos que non sexan de persoal laboral e funcionario da Admón. xeral da Xunta.

Desde a CIG-Autonómica trasladamos a Función Pública que se recollen moi pocos avances entre as alegacións que presentamos na nosa proposta de setembro. Valoramos positivamente algunhas incorporacións como a extensión das limitacións ao persoal colaborador e a concreción dun prazo de reunión da comisión técnica por pedimento das organizacións sindicais de xurdir incidencias en calquera proceso selectivo. No entando, estamos en desacordo co mantemento do carácter presidencialista dos tribunais, especialmente na elaboración dos exames, e avogamos por un sistema informático de escolla aleatoria dos cuestionarios sempre que sexa posible. 

A Dirección Xeral da Función Pública trasladou ás organizacións sindicais presentes na xuntanza que tratarán de axilizar a reforma destas instrucións, convocando unha nova reunión para o martes 14 de decembro de 2010.

Podes descargar o documento achegado pola Administración aquí.