No DOG de hoxe 11/03/2011 publícase a convocatoria para elección de destino do persoal funcionario do subgrupo C1 o vindeiro luns 14 de marzo. Como xa aconteceu coa elección de destino do A2 o pasado 4 de marzo, a Dirección Xeral da Función Pública pretende ofertar postos de nivel do subgrupo C1 en destino definitivo ao persoal de novo ingreso.

Desde a CIG-Autonómica opoñémonos a esta decisión de Función Pública, pois entendemos que supón un agravio comparativo en prexuízo do persoal funcionario de ofertas de emprego público anteriores e tamén respecto do persoal que accede ao subgrupo C1 pola quenda de promoción interna, ao que se lle reclasifica o mesmo posto que ocupa actualmente no C2 como posto base do C1.

Isto significa que o persoal de novo ingreso no C1 terá preferencia para optar nun primeiro destino definitivo a postos de nivel e/ou situados en localidades moi demandadas.

Desde a CIG, esixímoslle a Dirección Xeral de Función Pública que se suspenda a elección de destino do C1 con carácter de urxencia, publicándose no DOG de mañá sábado día 12, e propoñemos como alternativas a apertura dos postos C2 nivel 14 dos centros de ensino ao subgrupo C1, ou ben que os destinos ofertados teñan destino provisional, tomándose as medidas oportunas para que o destino provisional non supoña ningún prexuízo en futuros concursos de traslado, e entendendo que cómpre conciliar os intereses lexítimos do persoal de novo ingreso cos do persoal que xa está a traballar na Administración.

Por último, desde a CIG facémonos eco do malestar entre os traballadores ante os continuos cambios de criterio en relación coas eleccións de destino, e demandamos que se convoquen e resolvan anualmente os concursos de traslados para poder fixar unha política de persoal que non sexa produto da improvisación e a falta de previsión.