Publicados no DOG do 28 de marzo de 2011

A Administración comunicounos que con data de 23 de marzo enviou ao DOG as ordes de convocatoria dos actos públicos de elección de destino dos seguintes procesos:

- C1 consolidación (destino provisional): xoves 31 de marzo, 11:00h. Prazas ofertadas.

- C2 libre (destino definitivo): xoves 31 de marzo, 10:00. Prazas ofertadas.

O acto terá lugar no salón de actos grande nº1 da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en San Caetano (Compostela)

O mesmo día saiu publicada no xornal amigo do empregado público que as prazas ofertadas ás persoas de C1-consolidación foron pactadas cos sindicatos. Coa CIG, dende logo, non foron pactadas.

Esta relación de prazas que se oferta ao C1-consolidación é froito da imprevisión de Función Pública e da cerrazón ao non admitir as solucións que propuxo a CIG.

Se se admitira a apertura de postos C2-14 ao C1 teríamos a posibilidade de ofrecer ás persoas dos tres procesos destino definitivo. O que era evidente é que sen adoptar esta medida non ían chegar as prazas que previamente pasaran por concurso de traslados para darlles destino definitivo aos de C1-consolidación.

Que Función Pública non asuma a súa responsabilidade como xestor destes procesos intentando transmitir que estamos a co-xestionar isto é algo inaudito, e máis cando se desbotan as solucións propostas por nós.