Tanto na última Mesa Xeral coma na Comisión de Persoal a Administración anunciábanos o que xa todo o mundo agardaba: que no 2011 sairía unha micro-oferta de emprego público. A sopresa chegou cando a Administración anunciou que non permitiría a promoción interna das escalas a corpos xerais, non só nos procesos derivados da OPE 2011, senón tamén nos da OPE 2009 que xa fóra aprobada.

No 2009 loitamos por conseguir que a promoción interna poidese ser cruzada en igualdade de condicións para o persoal de escalas como para o de corpos xerais. Unha persoa que pertenza a un corpo xeral pode promocionar internamente a calquera escala sempre e cando posúa a antigüidade no corpo de orixe e máis a titualción. Porén, ata o 2009, unha persoa dunha escala non podía promocionar internamente a un corpo xeral do subgrupo inmediatamente superior.

Desa loita deu lugar un acordo coas organizacións sindicais que modificou a OPE 2008 para permitir a promoción interna cruzada. Posteriormente na OPE 2009 esta posibilidade xa foi recollida. Porén, chama a atención non xa que despareza da OPE 2011 senón que se estableza unha disposición adicional que modifica mesmo a do  2009 retirando ese dereito ao persoal de escalas. Nalgúns casos mesmo queda xente cun exame aprobado nos procesos da OPE 2008 cuxa nota será gardada para un proceso que non vai ter lugar.

Despois no acordo acadado, consideramos isto coma un paso atrás e un agravio comparativo entre o diverso persoal funcionario. Xa que logo, puxemos a documentación e os feitos en mans da nosa asesoría xurídica para que formule o pertinente recurso contencioso-administrativo.