Preto de 200 traballadoras e traballadores públicos concentráronse en San Caetano o martes, 14 de maio, en rexeitamento pola política de amortizacións e despedimentos da Xunta de Galiza.

Coreáronse berros de "Non, non, non ás amortizacións", "Non máis despedimentos na Xunta de Galiza", "O público é servizo, o privado beneficio", "Non faltan cartos, sobran ladróns". Rematouse co xa clásico minuto de ruído e un espontáneo "Uns no barco con Dourado e outros marchan para o paro". Durante a concentración, o presidente do Comité Intercentros anunciou que seguirían as mobilizacións e que non quedará ningunha agresión sen resposta; a vindeira este xoves, 16 de maio, con caceroladas en todos os edificios administrativos da Xunta de Galiza.

Nesta ocasión protestábase ante o despedimento de 59 traballadores e traballadoras públicas de Traballo e Benestar que van engrosar as listas de desemprego porque así o quere a Xunta de Galiza. A estes 59 traballadores/as hai que engadirlle os 2 por parte de Cultura e Educación que se tamén marcharán a rúa esta semana coa publicación no DOG das novas RPTs destas dúas consellarías.

Nomeadamente, só esta semana, Traballo e Benestar destruirá 129 postos de traballo públicos nos Servizos Sociais do noso país en temas tan sensibles para a Sociedade Galega como é a Dependencia, os centros de atencións para discapacitados psíquicos, centros de atención a a maiores dependentes, oficinas de emprego, etc. Todo isto mentres continúan coas privatizacións dos servizos rentableis, o peche dos non rentables, as corruptelas politicas e os rescates bancarios. E din que non hai cartos, e nos decimos que sobran ladróns.