O xoves 3 de outubro, o "noso" Presidente demostrou ata que punto pode chegar á hora de comportarse de xeito rastreiro connosco. Mentres estábamos demandando un trato xusto e igualitario co persoal da Administración do Estado e protestabamos polas nosas amortizacións ao tempo que veñen empresas a facer o noso traballo, Feijóo anunciaba na súa "magnanimidade" que nos concedía o "privilexio" da "flexbilidade" e "teletraballo" pero reiterábase na súa intención de recortarnos as pagas extras do 2014.

Iso si, agradece o noso comportamento e "baixar a noso absentismo" (non dá puntada sen fío). O que non coñecemos aínda é que, a pesar de non querer emular a Rajoy nas pagas completas, o emulará no aumento do Gasto de persoal de confianza e outros gastos suntuarios.
 
Sabedor da indignación que suscita entre os empregados públicos da Xunta o recorte das pagas extras, que padecen un importante agravio comparativo en relación ao persoal da Administración do Estado (8 puntos menos de poder adquisitivo), o Goberno de Feijóo alardea do suposto bo estado das contas e ensaia agora unha dupla xogada: tratar de contentar ao persoal que vé recortado o seu salario coa implantación da xornada flexible, e continuar a difundir entre a opinión pública a imaxe dos traballadores e traballadoras da Administración como unha caste privilexiada, neste caso por poder gozar no futuro de medidas de conciliación horaria como a xornada flexible ou, nunha ínfima minoría de casos, do teletraballo.

Outra das intencións do presidente con este anuncio é xustificar ante os persoal da Administración e a opinión pública o gasto inicial na implantación do sistema informático de control horario Kronos, que está a operar con moitas limitacións a pesar do investimento levado a cabo (770.000€ + IVE).
 
Ben triste resulta, por outra banda, que de toda a actividade do Goberno nesta semana o máis destacable sexa a flexibilización e teletraballo dunha parte moi concreta da Administración. Pouca cousa podemos agardar deste Goberno para sacar o noso país adiante se vende como a súa actuación principal desta semana o"brote verde" dun aspecto de organización interna do traballo da Administración xeral.
 
A flexibilidade é algo que leva xa moitos anos de funcionamento en moitas Administracións e grandes empresas. Ademáis aquí se nos ofrece unha flexibilización clientelar con moitas limitacións de "necesidades do servizo" sen asegurar criterios obxectivos para a súa autorización ou denegación. O teletraballo, pola contra, non vai afectar nin ao un 1% do cadro de persoal (será aínda máis clientelar); sempre referido a persoal da Administración Xeral que non traballe a quendas, que non traballe en centros de ensino e que non teña algunha dispoñibilidade vía RPT.
 
Polo tanto, o seu caramelo rancio (que viña xa anunciado en Consello da Xunta en abril) non nos vale para cesar na nosas mobilizacións, así como a recuperación das pagas extras non cesaría a nosa defensa dos Servizos Públicos e protestas contra as privatizacións. Por outra banda, e abondando na "raciendade" da medida compre destacar que esta se nos anunciou en abril de 2011 e que entraría en vigor en outubro desde mesmo ano (deixárona pois esmorecer máis de 2 anos).
 
Esta utilización política da flexbilidade e teletraballo altera substancialmente o bo clima negocial desta orde e esta organización sindical valora, polo tanto, non dar o seu apoio a esta norma, motivado tamén no seu deseño clientelar.
 
Por último, cómpre destacar que os feitos están a demostrar que o presidente prefire recortarlles as pagas extras aos empregados públicos antes que reducir as asistencias técnicas na Administración e deixar que os empregados públicos fagan o seu traballo.

Chama a atención a contradición de Feijóo co que transmitía o grupo parlamentar Popular, que  tan só uns minutos antes nos aseguraba que "os orzamentos aínda estaban abertos" e que aínda que escasa, "hai marxe de manobra". Semella que comeza a agromar un conflito interno no PP polo temor as consecuencias electorais á política de "austeridade selectiva". Esixirémoslle polo tanto unha aclaración.