As organizacións sindicais estabamos convocadas a unha xuntanza o venres 13 coa consellería de Medio Ambiente, para tratar a súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo, na que destacaba a destrución de 101 postos de traballo.

A experiencia fainos saber que neste tipo de xuntanzas é posíbel modificar algunha cousa, pequena, sobre os postos de traballo: suprimir algún requisito imprescindíbel, cambiar a titulación requirida, cambiar a experiencia por formación, pasalo de requisito a mérito. Inclusive nalgunha ocasión teñen servido para cambiar a forma de acceso de libre designación a concurso, abrir a máis grupos. Ata temos visto como retiran a proposta de supresión dalgún posto.

Pero a experiencia tamén nos fai saber que o habitual é que as xuntanzas sexan un mérito trámite de audiencia, onde a proposta sae como entra.

Que a consellería nos convoque a discutir a destrución de 101 postos, un venres, ás 12:30 da mañá, significa que teñen a intención de despachar o asunto nunha ou dúas horas, como moito nos poderían convocar a unha segunda xuntanza se o tivesen a ben, e de aí pasaría á Mesa Xeral, Comisión de Persoal e DOG.

As catro organizacións sindicais decidimos que non, que non entrabamos a “negociar” nesas condicións, que polo menos cada un deses 101 postos de traballo é merecedor da súa discusión individualizada, que non vamos a dar por liquidado o asunto así de rápido, que polo menos teñen que escoitarnos con paciencia.

Finalmente a consellería non tivo outra que levantarse tamén e acordamos que nos convocarán para a semana que ven ou para a seguinte a unha nova xuntanza onde se tratará esta proposta co tempo e a atención que se merece.