O martes 19 de outubro aprobouse na Comision de Persoal a RPT da Consellería de Cultura e Turismo que para nós é raquítica, insuficiente, profundiza na destrucción de emprego e consolida a externalización de servizos.

Para a CIG é especialmente grave que a Xunta non acepte as propostas da central sindical en materia de dotacion de persoal arqueólogo propio que leve os expedientes de patrimonio para rematar, deste xeito, coa encomenda a TRAGSATEC, porque é unha externalización de traballo público e unha desviación no control dos bens patrimoniais.

Neste sentido, sinalamos que só se crean 2 prazas, malia a grande cantidade de traballo estrutural que soportan e que, ademais, non compensan o número de persoal externalizado. Por iso a CIG solicitou que se faga urxentemente unha planificación de necesidades e que se vaian creando prazas de acordo co grande incremento de expedientes a informar.

A CIG tamén denuncia que logo de anunciar e facer propaganda co novo Museo do Viño, a Xunta renuncia a dotalo de persoal, polo que augura que se vai converter, na práctica, nunha sala de exposicións dependente do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Un engano a Galiza que ademais de non ter finalmente un museo do viño desleixa o actual museo Etnolóxico coa amortizacion de 5 postos.

Ademais, o traballo de documentacion, biblioteca, xestión, dirección, recepción e guía están sen dotar no novo museo polo que sospeitamos que vai ser compartido e externalizado cun cadro persoal doutro museo ao que ainda por riba lle amortizan 5 prazas.

Por iso solicitamos o aumento de cadro de persoal, entendendo que só tres subalternos e un técnico non chegan para dar un servizo axeitado a un museo. Falta persoal técnico e o cadro de persoal debera ser, cando menos como o cadro dos museos estatais.

Canda isto, a CIG tamén presentou unha alegación no referido ao horario dos centros, porque o presentado recolle o vello parche de impor nos museos e bibliotecas o horario de sábados e domingos, sen ningunha compensación económica e temporal. Por iso esiximos á secretaría xeral a apertura dunha mesa de Negociación de horarios nos centros, porque non aceptamos horarios irregulares sen compensación nin o deterioro das condicións laborais deste persoal. Horarios dos que, en todo caso lembramos que, cando son a quendas deben ser dun máximo de 35 horas semanais.

Xunto a estas cuestión, na Comisión de Persoal solicitouse tamén a creación dos arquivos territoriais da Coruña e Ourense, xa que se está a perder patrimonio documental todos os días nas xefaturas por inacción na dotación de medios da consellaría.

Así as cousas, a amortización total na consellaría é de 29 prazas das que non xustifican funcionalmente que non sexan necesarias e só as amortizan porque estan sen ocupar. Primeiro non as cobren e logo as eliminan. Unha inadmisible perda da calidade de servizo e emprego público.