No DOG Núm. 35 xoves do 20 de febreiro de 2020 publícase unha resolución da EGAP pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 28 de febreiro de 2020.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a unha.

A totalidade das prazas de cada actividade formativa repartiranse nun 70 % para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; nun 10 % para o persoal das entidades locais; outro 10 % para a Administración de xustiza de Galicia, e o 10 % restante para o PAS das universidades galegas do SUG.