Ante a alarma social xerada pola epidemia vírica da infección do coronavirus (COVID 19), facemos un chamamento a tranquilidade. No caso de que teña algunha dúbida ou necesite información, a Xunta de Galicia ten habilitado o teléfono gratuíto 900 400 116 para formular  consultas.

Esta obriga da Xunta, como responsable da protección do seu persoal, ven perfectamente definida na normativa de aplicación e implica que debe garantir a seguridade e a saúde das persoas traballadoras ao seu servizo en todos os aspectos relacionados co traballo baixo o seu ámbito de dirección.

A día de hoxe a Xunta non implantou medidas específicas de protección fronte este virus infeccioso nos centros de traballo. É necesaria a convocatoria dos Comités de Seguridade e Saúde laboral para propor e avaliar ditas medidas e valorar a determinación do risco.

Para a CIG preocupan especialmente os centros onde hai atención a persoas usuarias con facilidade de infección como pode ser as escolas infantís e residencias de maiores, os edificios administrativos onde traballan centos de empregadas públicas ou aqueles servizos de atención ao publico de grande actividade como son as oficinas de emprego, as agrarias comarcais, turismo, os rexistros, servizos de información, etc.

Desde a CIG solicitamos a convocatoria dos Comités de Seguridade e Saúde Laboral para acordar a implantación de medidas de prevención.