Mentres o SERGAS publica unha resolución onde se establece un procedemento telemático para a elección de destino dos aspirantes que superaron procesos selectivos na Administración xeral non se move nada.

Hai unha serie de procesos selectivos, tanto libres como de promoción interna, que como sinalábamos aquí, só lles falta ou publicar unha resolución da baremación provisional de méritos ou da definitiva, ou incluso que simplemente falta publicar a resolución de aprobados ou convocar o acto de elección de destino.

Pero Función Pública prefire avisarnos con dous meses de antelación que agosto vai ser inhábil a efectos de cómputos de prazos destes procesos.

Para solucionar este asunto NON FAI FALTA ningunha acción extraordinaria. Basta con sacar as resolucións XA, porque en moitos casos nin sequera hai ningún prazo aberto.

E o que realmente FAI FALTA é vontade. E aquí son tan culpábeis a Administración como as persoas que forman parte dos tribunais. Eles tamén son os responsábeis de que procesos que se poden realizar en varios meses estean paralizados varios anos.

E tamén compre cambiar determinados actos como fixo o SERGAS substituíndo o ridículo “bicamáns” das eleccións de destino por un procedemento telemático.

Mentres, empregados públicos da promoción interna están perdendo dereitos, entre eles os de natureza retributiva, ao grao, aos trienios, ao complemento de carreira profesional, á mobilidade, e no caso dos aspirantes de libre a TODOS os dereitos inherentes á súa condición de persoas funcionarias.

A que esperan os tribunais e Función Pública?