A resposta é SI. Explicámosche por que:

O pasado sábado 18 a Xunta estableceu a obrigatoriedade do emprego das máscaras para case todas as circunstancias, incluíndo a permanencia en espazos abertos e pechados aínda que se garde a distancia de seguridade.

A Xunta, no seu Protocolo polo que se establece a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19, publicado o 9 de maio, no apartado 4.3.2 indicaba, sobre as medidas de protección individuais, que non ten a obriga de proporcionar ao seu persoal aqueles equipamentos de protección que determinen como obrigatorios ou recomendables as autoridades sanitarias para todas as circunstancias vitais de cada persoal.

Pero a normativa posterior do Estado deixa clara a obriga por parte do empresario de proporcionar máscaras e outro material de protección, e propón aplicar sancións se non cumpre. 

Así o Real Decreto-lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19,  no seu artigo 7 sinala con respecto aos centros de traballo:

“1. Sen prexuízo do cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais e do resto da normativa laboral que resulte de aplicación, o titular da actividade económica ou, no seu caso, o director dos centros e entidades, deberá:

c) Adaptar as condicións de traballo, incluída a ordenación dos postos de traballo e a organización das quendas, así como o uso dos lugares comúns de forma que se garanta o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal mínima de 1,5 metros entre os traballadores. Cando iso non sexa posible, deberá proporcionarse aos traballadores equipos de protección adecuados ao nivel de risco.”

O Real Decreto-lei 26/2020 sinala os/as Inspectores de Traballo e Seguridade Social e Subinspectores Laborais como encargados de vixiar e requirir, estender actas de infracción, en relación co cumprimento por parte do empregador das medidas de saúde pública establecidas.

O incumprimento polo empregador das obrigacións constituirá infracción grave que, no caso das administracións públicas, procederase conforme ao procedemento especial previsto no Real Decreto 707/2002.

Á vista do anterior queda claro que:

  1. Deberá proporcionárselle aos/ás traballadores/as os equipos de protección adecuados ao nivel de risco, pois en zonas comúns e de tránsito nos centros de traballo non se pode garantir o distanciamento de 1,5 m.
  2. O incumprimento por parte do empregador é unha infracción grave.
  3. Calquera persoa empregada publica da Xunta pode acudir a denunciar na Inspección de Traballo e Seguridade Social se non lle dan a máscara de protección.

CAL É A MASCARA QUE HAI QUE EMPREGAR?

Se a avaliación de riscos COVID do teu posto non determina outra cousa, abondará coa hixiénica ou a cirúrxica.

Tes que ter en conta que é de protección de saída e non de entrada polo que é moi importante que as persoas que estean ao teu arredor a leven colocada correctamente e limpa (cambiase cada dia) e manter as distancias de 1,5 m. O recomendable se traballas cara o público, con esforzo físico, con moitas persoas, etc é cambiala cada 4 horas.