O DOG do 17 de agosto vén de recoller a resolución da Consellería de Política Social para a apertura das escolas infantís o 1 de setembro baixo a sombra da Covid-19, sen a existencia dun protocolo preventivo válido e consensuado.

A Xunta acorda abrir os servizos e centros de atención á infancia como son as escolas infantís 0-3 anos, os puntos a atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas, sen un protocolo válido de actuación preventivo consensuado nin tratado no respectivo Comité de Seguridade e Saúde Laboral. O texto de protocolo que teñen pendurado na web de Politica Social é de imposible cumplimento se non se amplían os medios humanos e materiais. En conclusión: a Xunta quere unha incorporación a custe cero. 

Destacamos que non se fixeron as preceptivas Avaliacións de riscos laborais dos centros ao risco biolóxico do COVID19 e que tampouco se adaptou o seu “Plan de reactivación no ámbito infantoxuvenil en relación ca infección polo virus SARS-COV2.

Demandas da CIG:

  • Asegurar a protección das traballadoras, especialmente sensibles e embarazadas.
  • Negociación do Protocolo de incorporación cos cativos/as.
  • Avaliación de Riscos Laborais e adaptación do protocolo a cada centro de traballo por persoal especializado xa que cada centro é diferente.
  • Establecer unha persoa directora e coordinadora para COVID-19 formada e liberada da actividade docente nas aulas.
  • Negociación de carteleiras de traballo e revisión das solicitudes de conciliación e flexibilización do persoal.
  • Axustar o horario dos centros á matricula actual ó establecemento de burbullas ou illas de convivencia que dificulten o espallamento o contaxio negociada co persoal.

Dende a CIG-Autonómica entendemos que ás escolas infantís igual que outros servizos públicos deben funcionar coa máxima normalidade posible pero parecenos unha irresponsabilidade social intolerable da Xunta de Galiza que se faga sen seguridade.