A Inspección de Traballo resolve a denuncia que presentou a CIG no mes de xullo e require á Xunta, e ao responsable en COVID, Emilio de la Iglesia Lema que dote de máscaras a todo o persoal que traballa nos centros administrativos sexa cal sexa a súa función, escala ou categoría.

Así na súa resolución da denuncia contra a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Inspección de Traballo sinala a esta persoa coma responsable de asegurarse da dotación de máscaras e medidas preventivas a todo o persoal.

Dende a CIG xa solicitamos o arranxo esta cuestión no ultimo Comité de Seguridade e Saúde intercentros que tivo lugar o día 30 de xullo (do cal é o presidente) e a resposta foi que non era preciso facilitarllas a todo o persoal. Mentres, a Xunta viña facendo unha dotación desigual deste medio de protección empregando argumentos como “non é un EPI e polo tanto non estou obrigado a proporcionalo”. Se ben é certo que as máscaras cirúrxicas non son EPI, porque non protexen ao portador/a si protexen ao resto das persoas traballadoras e usuarias polo tanto son unha medida preventiva colectiva...Agora a Inspección danos  a razón a CIG e obrígao a actuar.

A Xunta fíxose a remolona dando argumentos tan irracionais como que os departamentos administrativos eran lugares privados e non daban acceso ao público ou que con gardar os 1.5 metros de distancia era suficiente.

Pero chegou a Inspección de Traballo e púxoos firmes: “Aquí se cumpre o que di o DOG e o DOG di que a máscara e obrigatoria en todo momento (fóra do ámbito doméstico privado).”

E así, en varios requirimentos da Inspección de Traballo tralas denuncias da CIG (como as das escolas infantís de Política Social), recoñécese a obriga de facilitar máscaras a todo o persoal independentemente do mantemento da distancia de seguridade interpersoal , da presenza de mamparas e o emprego de xel hidroalcólico. Un avance claro que elimina o custe da súa adquisición para as persoas traballadoras e garante a seguridade de todos/as coa obriga de quen ten que dotar en número e calidade adecuada ,e responsabiliza a empresa do uso correcto deste medio de protección colectivo fronte ao coronavirus.

E nós que seguimos na teima,  vimos de pedir a extensión a todos os centros e todas as consellerías mediante un escrito ao presidente do CSSL do intercentros,xa que non podemos seguir a saturar a Inspección de Traballo pero non podemos permitir máis actitudes irresponsábeis co seu persoal mentres lle pide ”sentidiño” á poboación galega.

A acta da Inspección desartella todos os enganos da Administración e vai directa a manter a seguridade e a salubridade do persoal, pois aínda que se cumpra a distancia dos 1.5 metros, o quefacer diario nos obriga a movernos polas dependencias, ir ata a fotocopiadora, entrar, saír, e aí temos que empregar sempre máscara como un elemento de protección laboral polo que é a Xunta (a nosa empresa) está obrigada a dotarnos delas.

Agora toca facelo público e reclamalo en todos os departamentos. Son moi defensores das leis e da legalidade cando lles interesa, agora toca apandar…