A CIG, xuntamente coas restantes organizacións sindicais,, sempre instaron de Función Pública que para a cobertura das vacantes de persoal laboral houbese un criterio unificador para todas as consellerías, de xeito que, en primeiro lugar, se ofertasen en adscrición temporal, posteriormente en traballos de superior categoría e, por último, se recorrese ás listas de contratación temporal.

As adscricións e as superiores categorías posibilítanlle ao persoal laboral superar, minimamente, a parálise na convocatoria dos concursos de traslados e dos procesos selectivos de promoción interna.

A Consellería de Política Social convocou neste ano, en adscrición e superior categoría, as vacantes da direccións dos centros sociocomunitarios de Tui, Corcubión, Santa Comba, Mondoñedo.... Sen embargo, para a cobertura da vacante do dirección do Centro Sociocomunitario de Bouzas, a Xefatura Territorial de Vigo de Política Social obviou este criterio xeral; saltouse a oferta en adscrición e superior categoría e ofertou a vacante ás listas de contratación temporal.

Curiosamente, a persoa que ocupaba o 1º lugar para o chamamento da lista de vacantes é moi coñecida dos altos cargos do PP que viñeron ocupando postos de delegadas territoriais da Xunta de Galiza en Vigo, tanto de Lucía Molares como de Corina Porro; máis aínda, esta última foi convidada ao casorio da contratada.

Ás listas de contratación son públicas e todos coñecemos como está a orde de prelación. Polo tanto, quen ten mando en praza pode saltarse o criterio de adscrición e superior categoría e caciquear cos contratos de traballo.