O TSXG desestima o conflito colectivo polas condicións de traballo do persoal de limpeza dos centros de ensino:  por que si, e punto!

A CIG interpuxo un conflito colectivo pola modificación substancial das condicións de traballo do persoal de limpeza dos centros de ensino e a Sala do Social do TSXG en novembro do ano pasado declarou a incompetencia da xurisdición social para xulgar a legalidade do apartado 4.1 Medidas Xerais de Limpeza do Protocolo Covid.

Como, segundo o xuíz, estariamos diante dunha norma administrativa (non dunha norma laboral) a xurisdición social era incompetente para emitir xuízo sobre ela (a competente sería a xurisdición contencioso-administrativa).

Non quedamos parados e de seguido interpuxemos unha nova demanda de conflito colectivo diante a mesma Sala do Social, denunciando cada un dos “Protocolos de Adaptación” dos centros de ensino de Galiza, tendo data de novo xuízo o 11.02.2021.

Agora si acepta xulgalo pero simplemente, o desestima "porque si!"

A maioría dos argumentos desestimatorios son ambigüos, incongruentes e procurados para darlle a razón a consellería, unha nova sentenza na liña dun TSXG que atúa como defensor da Xunta, non como defensor da legalidade.

a) A medida modificadora sería temporal, non definitiva. Máis non existe nin unha soa disposición na que se fixe a súa temporalidade entón,  cando remata o cambio de horario do persoal de limpeza?

b) A medida non sería arbitraria nen podería ser considerada "substancial". Tamén non son arbitrarias as modificacións baseadas, por exemplo, en causas económicas; máis son nulas de non seren notificadas formalmente por escrito.

c) Non afectaría de xeito xeneralizado a todos os centros docentes, nen a todos os traballadores/as por igual. Como calquera outra modificación substancial, que só afecta aos interesados, pois non é necesario para ser colectivo que afecte ao 100% dos centros e ao 100% do persoal.

d) Non existiría horario modificado do curso 2020-2021. De certo, non existe no 2020-2021 porque a medida foi imposta xusto ao comezar ese curso. Noutras palabras, non pode existir! O horario modificado foi o do curso anterior: 2019-2020...

Aínda así, na CIG non nos rendemos, pelexamos con uñas e dentes, e xa anunciamos recurso de casación.