Comeza a mudanza das oficinas do Servizo de Xuventude e Voluntariado de Ourense situado na Avda. da Habana á súa nova ubicación: as novas dependencias no modificado salón de actos do Espazo Xove (Antiga casa de Xuventude de Ourense).

Ourense é a única provincia que carece dun edificio administrativo en condicións polo que a Xunta mantén decenas de servizos espallados en diferentes locais, pisos ou incluso entrecháns. As solucións e os apaños para “cumprir normativas” ante as denuncias dos traballadores/as son unha mofa.

Temos abondosos exemplos como as ventás opacas, reixas e a pouca altura do teito do entrechán de Atriga; escaleiras estreitas sen ascensor en pisos como o da oficina agraria comarcal de Xinzo; os “garaxes” da xefatura territorial de Medio Rural con oficinas ridículas e sen ventilación; alugueres excesivos como os de Medio Ambiente na rúa Paseo... ata a recente e flamante obra para colocar as oficinas de Xuventude nun soto sen ventás e sen espazo de almacenaxe para os expedientes.

Así, quedan apenas tres días para que remate a mudanza do servizo de Xuventude ao reformado salón de actos do Espazo Xove, reconvertido agora a oficinas administrativas. Unha vez máis a delegación da Xunta en Ourense empeora as condicións do seu persoal investindo recursos públicos en apaños imposibles. Neste caso gastáronse 49.329,82 euros, nunha estancia sen ventás para catro empregados/as con atención ao público.

En plena crise sanitaria pola Covid non se entende que expoñan ao persoal a permanecer a sua xornada laboral e atender ao público en cubículos sen ventilación e sen luz natural. Ante a nosa reclamación, aquí a Xunta contesta sen despeitearse que “unha vez analizadas as instalacións cumpren coa normativa vixente”, ou a comentar entre rodas que “hai sitios piores”. A realidade é que na vez de avanzar, en Ourense imos cara atrás.

A CIG ten denunciado a situación intolerable das condicións dos centros de traballo na Xunta na Inspección de Traballo e Seguridade Social e no Servizo de Prevención de Riscos Laborais. A pesar das denuncias nalgúns casos obtivemos poucos resultados positivos para o persoal ou os avances son cativos e moi lentos. A conivencia está clara e estamos certos de que se falaramos dun centro dunha empresa privada (xestoría, banco, etc) hai tempo que se tomarían outro tipo de medidas.

Ao final preguntámonos, que vale a saúde do persoal empregado público en Ourense? E a das persoas usuarias? Por que non temos dereito a unhas condicións de traballo dignas? Onde está o comprometido edificio administrativo da Xunta en Ourense?