O Consello da Xunta aproba novos graos e pagos na carreira profesional do persoal administrativo do Sergas mentres a carreira da Administración Xeral da Xunta segue parada.

A CIG foi moi crítica coa  Carreira Profesional da Administración Xeral da Xunta de Galiza, non polo que significaba unha carreira profesional, que niso sempre estivemos de acordo, senón polas condicións que se implementaban na nosa carreira; en resumo: pagábanos menos (só accediamos ao grao I independentemente da antigüidade), en “cómodos prazos” que nos parcelaban tanto os pagos (no subgrupos A1 e A2 aínda os demoraban máis), que non viamos  sequera o horizonte de 2040 coa carreira rematada. Para máis, excluían ao persoal laboral fixo que non se funcionarizase, ao temporal e aos funcionarios interinos. E para rematar pendía sobre ela a espada de Damocles ao condicionala ás dispoñibilidades orzamentarias.

Fomos moi criticados por non dar o voto a favor e mesmo por denunciar as súas eivas e discriminacións conscientes, Comparabámola con algunha administración local, por exemplo o Concello de Santiago, e coa xa aprobada do Sergas, onde se acordou (desta vez si que co apoio da CIG) unha carreira profesional moito máis vantaxosa.

Pois ben, o pasado xoves 7 de maio, o Consello da Xunta aprobou unhas novas implementacións para a carreira profesional do Sergas que se concretan en:

• Permite a parte do persoal cos requisitos de antigüidade e formación acceder aos diversos graos, I, II, III e IV, cousa que na Administración Xeral imos polo grao I, e sen saber nada de nada polo de agora do grao II.

• Parcela os pagos entre o 2021 e 2022, recordamos que na Xunta temos como tres ou catro anacos para o grao II, o do III e IV xa é unha entelequia de “regreso ao futuro”.

• Confirma os pagos na nómina de maio con efectos retroactivos a 1 de xaneiro; e aquí seguimos esperando.. nin sequera abriron prazo de solicitude para o grao II.

Isto confirma que as funcionarias/os da Administración xeral da Xunta non lle importamos moito ao señor Feijoo, somos os parvos útiles deste mercadeo de carreiras profesionais á carta, das que sempre saímos malparados.

E, por se quedan dúbidas, do que estamos a falar é de persoal da administración do Sergas non de persoal sanitario.

Señor Núñez... estamos fartos de ser persoal de segunda. Séntense a negociar para mellorar as condicións da carreira profesional para a Administración xeral e paguen o que deben.