A fin de semana do 27 e 28 de novembro vai ter lugar o proceso de funcionarización do persoal laboral fixo do SPIF sen coñecer aspectos esenciais das súas consecuencias. O día 29 de outubro publicáronse no DOG (SPIF-C2 e SPIF-B) as datas de exame do proceso de adquisición da condición de persoal funcionario de carreira de distintas categorías e postos de persoal laboral fixo do SPIF.

Dende a CIG levamos tempo reclamando que os procesos de funcionarización carecen da información previa axeitada anterior á súa realización, polo que o persoal laboral fixo descoñece os aspectos básicos para decidir se quere participar ou non con tódalas garantías. Tal é o caso do persoal do SPIF.

Non sabemos cales van ser os efectos do novo marco xurídico específico deste persoal. A proposta da CIG nas mesas de negociación nas que se tratou o que despois se chamou o “Acordo de Concertación” sempre foi que todos os dereitos do V Convenio foran recollidos na Lei de Emprego Público para evitar esta situación de incerteza.

Tendo en conta que o proceso de funcionarización vaise realizar dentro de pouco, dende a CIG vimos de solicitar que se convoque unha xuntanza urxente para tratar tódalas cuestións pendentes das condicións laborais do persoal antes dos procesos de funcionarización do SPIF.