A CIG considera que a vacinación é prioritaria pero que un edificio administrativo non é o lugar acaído para realizala.

Hoxe, día 11 de novembro, enterámonos pola prensa que a Xunta de Galiza vai utilizar a sala de exposicións da pranta baixa do edificio administrativo de Pontevedra como "centro de vacinación masiva" e que iso vai supoñer un acceso diario de "1.700 persoas" ao dito edificio.

Dende a CIG queremos deixar constancia que esta medida, da que se informou telefónicamente á Xunta de Persoal funcionario pero sen aportar máis datos dos que aparecen na prensa, non parece a máis acaída.

Deixando claro que consideramos que a vacinación das persoas é unha necesidade e unha prioridade dunha grande relevancia, tamén queremos facer constar que:

1. Non se informou previamente á Xunta de Persoal funcionario de Pontevedra con anterioridade, polo que solicitaremos procurando o común acordo coas outras organizacións sindicais, unha reunión da Xunta de Persoal coa Delegación Territorial.

2. A información facilitada se limita ao que xa se recolle nos medios de comunicación, e por tanto non sabemos cal vai ser o sistema de acceso, se vai interferir co traballo ordinario do persoal, que medidas se van adoptar para impedir as masificacións nos espazos comúns, así como todos os pormenores para poñer en marcha este centro.

3. A campaña de vacinación debe realizarse en centros sanitarios ou en espazos habilitados cun uso restrinxido, non en lugares de acceso masivo como un edificio administrativo.

4. Isto revela a insuficiencia de instalacións públicas de carácter sanitario e tamén a incapacidade da Xunta de buscar outras solucións.