Dende comezo deste mes de decembro a incidencia da COVID na Galiza ten aumentado de maneira exponencial chegando hoxe a sobrepasar a barreira dos 27.000 contaxios diarios con unha incidencia total de máis de 2.300 persoas contaxiadas e máis de 1.000 casos por cen mil habitantes (a recomendación da OMS está en 50 casos) e cunha situación insostible nos centros sanitarios.

Aínda que a vacinación masiva, o uso de máscaras e a redución da interacción social é importante o feito e que os contaxios están aumentando en gran número.

Porén, a pesar da recomendación do presidente Alberto Nuñez Feijoo de limitar a interacción social, a Administración da Xunta move cada día miles de traballadores e traballadoras públicos que usan os transportes colectivos de viaxeiros, e que conviven nos grandes centros administrativos. E lembremos que a día de hoxe hai unidades co 100% do persoal en activo sen sequera teletraballo ordinario.

As administracións autonómicas de Cataluña e o Pais Vasco, así como a propia Administración do Estado están implementando medidas de teletraballo con motivacións sanitarias antipandemia; e mesmo Portugal decretou un teletraballo masivo entre todo o seu persoal público. Tamén o Presidente do Goberno do estado español recomenda un teletraballo do 100% nos funcionarios das administracións para baixar a incidencia pandémica.

Todo isto nos leva á CIG a solicitar que consonte ao artigo 12 do Acordo sobre prestación de servizos na modalidade de teletraballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galiza se implemente o Réxime especial de teletraballo obrigatorio pola a actual situación sanitaria.

E tamén que se convoque á Comisión de Seguimento para o análise e control da duración deste réxime especial, se inste ás consellerías á revisión das medidas preventivas fronte a COVID nos centros de traballo e se dote ao persoal dos EPIS adecuados así como dunha dotación de máscaras, xa que a última entrega se fixo hai mais de seis meses e a sua vida útil xa está mais que rematada.