A CIG fixo denuncia pública nos medios de comunicación pola pretensión da Administración de igualar o tratamento que se lles dá ás aulas de cero a tres anos co resto da educación até os 12 anos

Política Social comunica unhas instrucións que adaptan o protocolo, modificando a súa postura inicial.

Se se alcanza o 20% da ratio poden confinar ao resto das crianzas que conviven nun mesmo espazo sen ter que chegar aos cinco casos.

No resto das aulas de educación, as ratios son de 25 alumnos, polo que o 20% supón un mínimo de cinco casos.

Agora, nas escolas infantís de cero a tres anos, atenderase só a ese 20%, que supón moitos menos casos porque as ratios por aula son menores.

Tamén se recoñece que os espazos non se limitan á aula, senón que hai outros espazos de convivencia (madrugadores, sestas, merendas...) no que se mesturan crianzas de distintos niveis e aulas.

Por outro lado, tamén se mandan aos centros instrucións sobre uso de máscaras ffp2 para todo o persoal. Despois de case dous anos reclamando as máscaras ffp2, a pesar que que hai sentenza do TSXG condenando á Xunta a facilitar este EPI aos cadros de persoal, a administración autonómica permitiuse a temeridade de recorrer contra a sentenza (gañada pola CIG no TSXG).

Mandan usar máscaras ffp2, pero nin modifican as avaliacións de riscos, como sentenciou o TSXG, nin retiran o recurso contra a sentenza.

O subministro das máscaras ffp2 aos cadros de persoal non pode quedar en boa vontade da Administración, ten que estar recollida nos documentos preceptivos de avaliación de riscos.


Deixen de enredar e cumpran xa co que manda a xustiza!!