Os responsables desta situación deberían plantexarse que sentido ten a teima de dar a roupa de inverno no verán e a de verán no inverno, así ano tras ano

No mes de setembro de 2021 a CIG xa denunciou que o persoal interino levaba sen roupa de traballo dende o 17 de marzo. Após a denuncia da CIG, a roupa foilles entregada o sábado 18 de setembro, nin máis nin menos que seis meses despois de solicitarlle ao persoal que indicara as tallas da roupa.

Desta volta, a situación estase a repetir de novo. O 28 de novembro de 2021, seguindo instrucións da subdirección, apremouse ao persoal interino para que indicase as súas tallas co fin de entregarlles un buzo e un anorak.

Dous meses despois, semella que para a consellería xa non é urxente dotar a parte do seu persoal da roupa de traballo axeitada. Mentres o persoal fixo xa dispón desas dúas prendas, o persoal interino segue agardando. Semella que para a consellería hai persoal de primeira categoría e persoal de segunda.

Mentres os responsables están co cu quente sentados no despacho, o persoal está a saír ao mar en pleno inverno cun xersei e un cortaventos.

Instamos de novo ao Servizo de Gardacostas e á Consellería do Mar a que entreguen xa, sen máis demora, a roupa de traballo ao persoal interino, que deixen de repetir esta situación caótica ano tras ano e que traten ao seu persoal con dignidade, dotándoo dos medios necesarios para que poida traballar con seguridade.