A última sentenza do TSXG gañada pola CIG remata coa chantaxe ao que estaba sometido o persoal laboral fixo para cobrar a carreira profesional: xa non é necesario funcionarizarse.

A Xunta resposta atropeladamente á sentenza contra a Orde de confección de nóminas do 2019 enviando para aprobar a toda presa na mesa xeral a RPT das prazas a funcionarizar para apurar a toma de posesión e manter a chantaxe, a pesar de que non temos negociados os dereitos laborais.

Na CIG solicitamos unha xuntanza con Función Pública para executar a sentenza e que abra un novo prazo para poder solicitar a carreira a todo o persoal, fixo, interino e temporal.

No decreto de funcionarización non hai ningunha referencia aos dereitos laborais

A maior parte dos postos que se funcionarizan teñen condicións laborais específicas como o traballo a quendas, as noites, a penosidade ou traballo con cargas ou tóxicos. A Xunta con CCOO e UGT negáronse a regular as condicións laborais e nin sequera garanten os dereitos que temos hoxe.

E non paran de chegar queixas das categorías que xa foron funcionarizadas, a pesar de que nos dixeron que “ian quedar igual”: neste nadal non cobramos a paga extra como antes, obrigáronnos a estar no centro cando pecha a usuarios e nos impuxeron horarios. Que cristo van armar agora coa funcionarización do persoal bombeiro, ou de centros educativos ou de residencias?

O persoal que se funcionariza vai quedar sen convenio e a Xunta, CCOO e UGT negáronse a traspasar os dereitos á Lei de Emprego Público. Na CIG opoñémonos a unha funcionarización sen regulación das relacións laborais e esiximos á Xunta, previa a funcionarización, un Acordo regulador das condicións de traballo.

Que perdemos coa funcionarización si non trasladamos os dereitos do V Convenio?

1. A negociación de carteleiras (o que na práctica supón imposición horaria e de quendas), as compensacións e os límites de fines de semana e festivos, etc.
2. O dereito a roupa de traballo anual, material…
3. As superiores categorías
4. As adscricións reguladas
5. Os trienios de 31,88
6. Os pluses salariais e a reclamación de cantidades
7. A promoción interna do 50%
8. Acudir ao xulgado do social se tes problemas (sen custes e rápido)
9. A posibilidade de presentar un conflito colectivo
10. A xubilación parcial anticipada e o resto de dereitos ancorados ao contrato de traballo