Unha vez publicada a adxudicación de destinos no web de Función Pública, a publicación da correspondente resolución no DOG sería o seguinte venres día 18, segundo transmiten dende a Administración e consta no mencionado web.

Falta desvelar cando vai ser a toma de posesión, condicionada polos 82 postos ofertados que están ocupados por persoal laboral indefinido por sentenza. E sobre isto, temos algo que contar.

Despois de que o director xeral obviara este asunto, e só falase de simultanear a toma de posesión do concurso coa das persoas que están en destino provisional da anterior promoción interna, manexábamos tres opcións (na nova anterior)

  • Que as 80 prazas non foran adxudicadas a ninguén no concurso, e Función Pública ao ter estes datos decida non agardar pola resolución dos procesos selectivos ao non haber o perigo de ocupar eses postos por concurso antes que por proceso selectivo.
  • Que hipoteticamente si puideran ser adxudicadas pero Función Pública decidira retiralas do concurso de tapadillo, sen dar explicacións.
  • Que si haxa adxudicación dalgún deses postos no concurso, pero Función Pública decidira dalos igualmente, asumindo que o persoal que está neses postos poida ir ao xulgado e incluso gañar. Isto é, darlle unha patada para adiante ao problema e dentro dun tempo xa dirá a xustiza se hai que mover postos.

Con calquera destas opcións, as tomas de pose podían ser en dous ou tres meses ou menos. Se a alternativa era agardar polos procesos selectivos de acceso libre que están actualmente en execución, a cousa quedaría para setembro ou máis.

Unha vez que xa temos os datos das adxudicacións, puidemos cruzar prazas ofertadas e adxudicacións, e obtivemos os seguintes datos:

  • Das 82 prazas referidas, só foron adxudicadas 2 no concurso. As outras 80 non aparecen adxudicadas.

  • As 2 adxudicadas estaban ocupadas por persoas que xa se presentaron a un proceso selectivo e suspenderon, polo que as prazas poden ser adxudicadas no concurso.

E que pasa coas outras 80 que non foron adxudicadas? Das tres opcións que manexabamos xa queda despexada a terceira (eliminan a posibilidade da vía xudicial). Falta saber se é que non as pediu ninguén, ou se as retiraron para facilitar a resolución do concurso, como a CIG pediu fai máis dun ano.

Con este panorama, non hai motivos para pensar que a toma de posesión vai quedar para setembro. Non podemos dicir cando será, pero probablemente sexa antes do verán. Ata podería ser dentro dun mes.

Pero sexa cal sexa a opción que escolleron non fai falla agardar máis tempo. Só teñen que convocar para darlles o destino definitivo con prazas sobrantes do concurso ás persoas dos anteriores procesos de promoción interna e libre que están en destino provisional e facer a toma de posesión simultánea. E non habería que esperar a que se resolvan os actuais procesos que están en marcha de promoción interna e libre. A que esperan?

E que pasa pasa coas persoas xubiladas que obteñen praza no concurso?

Función Pública segue cubríndose de gloria. Detectamos varias persoas xubiladas ás que lles adxudican un posto no concurso. Esta broma pesada, máis que un erro puntual parece indicar que a base de datos coas adxudicacións do concurso estaba feita dende hai moitos meses, e que agora nin se molestaron en aplicar un filtro para eliminar ás persoas xubiladas.

Esiximos que antes de que saia a resolución no DOG se corrixa a adxudicación tendo en conta estes postos. Isto sería unha pequena mellora (máis postos de concurso) para moita xente que as pediu e ás que non llas adxudicaron.

A este respecto, feita a consulta con Función Pública asegúranos que non se paraliza o concurso (ruxe-ruxe que xa está moi estendido), pero si que se vai producir un “reaxuste”. Como se trata de engadir prazas, podería producir algún cambio, pero sempre por engadir persoas, non por excluílas.