Xa que a Lei 20/2021 habilita o acceso á administración pública mediante concurso de méritos, é razoable defender a promoción interna tamén mediante concurso?

A Administración tráenos borradores de procesos selectivos de acceso libre polo sistema de oposición. E sabido que a CIG sempre promoveu como sistema de acceso o concurso-oposición. Por outra banda, a nova normativa estatal sobre a temporalidade contempla agora o sistema de concurso de méritos como sistema de acceso en determinados casos.

Pois ben, nós que sempre tratamos de defender un modelo onde se conxugue o esforzo das persoas opositoras coa valoración do tempo traballado, poderíamos estudar e valorar que haxa unha oferta de prazas libre, é dicir, só por oposición para que a xente nova, os opositores e opositoras que están a estudar poidan ter opción de acceder á Administración Pública.

Pero para iso temos que saber cantas prazas vai sacar a Administración de cada corpo ou escala polos sistemas de concurso, oposición e concurso-oposición. Sen información non imos apoiar ningún tipo de convocatoria.

A maiores, se non sabemos cantas prazas van saír a promoción interna e baixo que sistema tampouco imos apoiar ningunha proposta de proceso selectivo. Está claro que si o sistema de concurso vale para seleccionar a persoal que non é funcionario de carreira tamén ten que valer para seleccionar a persoal que xa é funcionario de carreira. Si se permite que unha persoa que leve 5 anos se poida converter en funcionario de carreira do corpo superior (subgrupo A1) simplemente presentando os seus méritos no rexistro, non se lle pode pedir a unha persoa funcionaria con 25 anos traballados, por exemplo no subgrupo A2, que prepare un proceso selectivo con 50 temas para acceder ao A1.

Agora ben, tampouco imos admitir que unha promoción interna sexa unha competición entre persoas onde só prime a antigüidade como criterio selector. Polo tanto a única opción válida, é que si o sistema de concurso de méritos vale para seleccionar persoal que non ten a condición de funcionario, tamén serva para a promoción interna, pero como non pode valer un sistema onde só prime a antigüidade a única solución é que a promoción interna NON PODE TER LÍMITE de prazas. E non o pode ter porque non se poden escudar en que a taxa de reposición o impide porque a promoción interna non computa para esa taxa. E non pode ter límite porque a LEPG establece simplemente un mínimo, cando menos un mínimo dun 25% da oferta de emprego.

Dende a CIG imos defender que as promocións internas non teñan límite de prazas, é dicir que mediante concurso TODAS as persoas funcionarias de carreira poidan acceder ao subgrupo superior. En moitos dos casos esa posibilidade sería moi doada ao haber postos de cobertura indistinta que simplemente coa apertura a outros corpos ou escalas se solucionaría. Isto parece claro polo menos en moitos dos corpos xerais e nas escalas que teñan continuidade noutras doutros subgrupos. No resto dos casos é cuestión de vontade poder artellar un sistema que garanta que así se poida facer. Xa está ben de tomaduras de pelo.