O persoal laboral fixo que se funcionarizou nos corpos xerais da Admón da Xunta de Galiza, toma de pose o 1º de xullo do 2021, está a padecer o incumprimento do acordo de concertación, disposición 5ª, punto 3º, no que as retribucións se refire; este precepto, no seu apartado c), literalmente dí “Se lle garante ao persoal laboral funcionarizado, no primeiro trienio que cumpra coa condición de funcionario, unha contía económica non inferior á que lle correspondería a un trienio de persoal laboral.”

O persoal laboral fixo dos grupos IV e V, auxiliares e agrupación profesional, que se funcionarizou o 1º de xullo de 2021 e que perfeccionaron un trienio con posterioridade a esta data, percibiron unhas contías que se correspondían cos corpos de funcionarios da administración xeral; ou sexa, 20,03€ o persoal do corpo auxiliar e 15,08€ o da agrupación profesional, cando deberían cobrar 31,88€ polo primeiro trienio cumprido con posterioridade ao seu nomeamento como funcionario de carreira da Administración da Xunta de Galiza.

O persoal laboral que se funcionarizou e padeceu esta situación e aínda que presentou a oportuna reclamación na súa unidade de persoal, a que se contactou coa secretaría xeral da súa Consellaría e con Función Pública, segue percibindo este primeiro trienio con importes inferiores aos 31,88€ e incumpríndose fragrantemente o establecido nas normas de dereito positivo reguladoras da funcionarización.

Dende a CIG, esiximos de Función Pública así como das consellarías afectadas, especialmente Política Social, a inmediata adopción das medidas necesarias para que os importes do primeiro trienio devengado con posterioridade á funcionarización, non sexa inferior ao establecido para o persoal laboral da Xunta de Galiza.