O listado de prazas difundido por Función Pública pode non ser definitivo

Nota: ao final do día do mércores 4/5/22, recibimos un novo listado de Función Pública. Fixérono sen acompañalo de ningún comentario, explicación nin sequera resposta ás alegacións que presentamos no seu día por escrito e mecanizadas na aplicación correspondente de Función Pública.

A dirección xeral de Función Pública enviou ao DOG a Resolución que publicarán o venres 6 de maio, relativa á convocatoria de elección de destino definitivo das persoas que superaron os procesos selectivos de A1-promoción interna e libre, A2-promoción interna e libre, C1-promoción interna e C2-promoción interna e libre, da Oferta de Emprego Público de 2017.

Posteriormente enviaron un aviso dun erro na comunicación, sinalando que cómpre eliminar o parágrafo que se achega (último parágrafo do punto oitavo, páxina 3).

“As persoas aspirantes nomeadas persoal funcionario de carreira e adxudicatarias definitivas dos postos de traballo relacionados nesta resolución disporán do prazo dun mes para tomar posesión do seu destino, desde o día seguinte ao da publicación no DOG.”

Nas respectivas resolucións de nomeamento concretaranse os prazos de toma posesión.

Na xuntanza que tivemos co director xeral de Función Pública o venres 29 de abril, este informounos de:

  • As tomas de posesión serán en paralelo coas do concurso.
  • A partir da semana que ven sairán as resolucións para elixir destino.
  • Ao longo do mes de maio enviarán o listado de postos.
  • As persoas en provisional xa coñecerán cal é o seu destino na terceira semana de maio.
  • Na última semana de maio, ao redor do 30/31 ou 1 de xuño comezará o prazo de toma de posesión.

En canto ás prazas, insuficientes nalgún caso, esto é o que decidiron:

  • A1: deciden incluír as vacantes de nivel 20 de toda a Comunidade que non pasaron polo concurso de traslados.
  • A2: non chegan as vacantes puras (aquelas non ocupadas por persoal interino) así que ofertarán vacantes cubertas temporalmente con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.
  • C1 e C2: só incluirán vacantes puras.

Función Pública non facilitou ningunha resposta ás alegacións que presentou a CIG, tanto por escrito como mecanizadas directamente na aplicación de postos de Función Pública. Ao día seguinte de rematado o prazo de alegacións, retiraron o listado da aplicación e non nos deron ningunha explicación. 

Tras múltiples correos e chamadas, por fin, o mércores 4 conseguimos localizar a alguén que nos atendera:

  • A relación de postos vai ter cambios respecto á xa anunciada (novo listado 4/5/22 pola noite)
  • Os sindicatos teremos acceso ás respostas da DXFP ás nosas alegacións (esto ainda non o cumpriron)