No DOG do 25/05/2022 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2022 pola que se convocan, con carácter extraordinario, actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

O prazo de presentación de solicitudes abarcará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 3 de xuño de 2022.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución:

1. O persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza e da Administración institucional, en situación de servizo activo ou servizos especiais que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Está exceptuado o persoal docente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galiza, bombeiros e o persoal do Servizo Galego de Saúde, agás que estea en situación de servizos especiais en calquera das administracións relacionadas no parágrafo anterior. Non se entende por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.

2. Sen prexuízo do anterior, poderán ofertarse actividades formativas a empregados/as públicos/as pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.