Dende Recursos Humanos do Sergas informan de que o xoves 23 de xuño publicarán no DOG a resolución co listado definitivo das persoas aspirantes admitidas e excluidas no proceso selectivo para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario de Administración especial, escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989).

Pois xa era hora. A convocatoria do proceso selectivo foi publicada no DOG do 09/12/2021, e 6 meses e medio despois por fin temos o listado definitivo de persoas admitidas/excluídas.

Cando vai ser o primeiro exercicio? Por desgraza non temos información do interese. Durante a negociación da convocatoria a CIG insistiu en incorporar unha referencia á data prevista para ese primeiro exercicio. E Sanidade-Sergas.. negouse.

Agora o único que temos é o último que manifestou o director xeral de Función Pública (24/05/22): que non sabía se o tribunal estaría nomeado antes ou despois de agosto, e que creía que o exame non sería antes de setembro. Eso, como mínimo, son 9 meses dende a convocatoria. Seguimos sen previsión.