Política Social palía as altas temperaturas nos seus centros de traballo cun par de ventiladores e un "pingüín"

Dende hai anos cada verán, con e sen vaga de calor, na CIG denunciamos que gran parte dos centros de traballo da consellaría de Política Social non contan con sistemas de climatización que poidan paliar a vaga de calor e as altas temperaturas que se acadan.

Esta situación acontece nomeadamente en escolas infantís e centros de maiores e de menores, lugares onde ademais de expoñerse ao risco aos cadros de persoal tamén se expón a un risco extremo a persoas usuarias vulnerables (maiores e crianzas)

Ademais da comprobación práctica, informes da comunidade científica avalían que as vagas de calor non son un suceso puntual e que se van suceder ano tras ano.

É obriga da empresa ter avaliado o risco por calor extremo e/ou estrés térmico, así como contar cun plan de continxencia ante a posibilidade de que se podan producir temperaturas altas ou extremas.

Nas avaliacións dos centros de traballo non se contempla o risco por calor extremo e/ou estrés térmico e, por tanto, tampouco hai plans de continxencias para este risco.

Diante desta situación, dende a CIG esiximos á Administración que:

  1. Dote de climatización aos centros que carezan dela
  2. Avalíe os centros ao risco por calor extremo e/ou estrés térmico
  3. Elabore plans de continxencia para os riscos por altas temperaturas

 A saúde das traballadoras, traballadores e persoas usuarias non se pode pór en risco ano tras ano