O día 2 de agosto tivemos unha nova xuntanza coa Administración. A maiores do director xeral de Función Pública tamén estivo presente un representante da Consellería de Medio Rural. Nesta reunión deron explicacións sobre o último listado de postos incluídos na OPE extraordinaria de estabilización 2022.

Na CIG reclamamos respostas xa que a OEP publicada non se correspondía coas listaxes previas remitidas aos sindicatos. Con esta nova listaxe “rectificada” incluso se reduce o número total de prazas.

Este proceso de estabilización conta con numerosas eivas, incertezas e ausencia de prazas, o que pode producir danos e discriminacións.

Nas listaxes faltaban todos os entes, e agora din que os enviaran canto antes xa que foi un erro, pero sobor de todo seguen a faltar moitas prazas, as da disposición oitava da Lei 20/21.

Por outra parte, volven mudar os criterios para a introdución de prazas sobre a marcha e unicamente dan explicacións parciais. Eso si, recoñecen o problema e a falta de prazo polo que imos ter para alegar os listados ata o 9 de setembro. Ollo!, todas as achegas deben ir xustificadas e documentadas.

Ademais, din que enviaran xa as respostas as anteriores alegacións. Sería a terceira vez que mudan as listaxes, e polo tanto que se alegan. Unha perda de tempo se imos mudando criterios polo camiño. É evidente que comezaron a casa polo tellado.

Destacar que no caso das prazas retiradas do servizo de incendios (as que crearon no 2019 logo da eliminación da encomenda de SEAGA), Función Pública di que o cambio de criterio para que retiraran 353 prazas (quedando 208) é que só recoñecen as da disposición adicional oitava. Nas que retiran, entenden que non existe continuidade nin subrogación do servizo, e polo tanto non corresponden á disposición adicional sexta. Ao menos resulta curioso. Ante as dúbidas e un chamamento á cautela que manifestamos, os responsábeis políticos da Administración Autonómica van consultar de novo coa asesoría xurídica. O que si quedou clara é que o resto das prazas vanse convocar como estabilización na OPE ordinaria 2022 polo sistema de concurso-oposición.

Na listaxe tamén veñen excluídas 83 prazas de condutor/a de motobomba coa xustificación de que xa estaban convocadas nun proceso selectivo de quenda libre con anterioridade á entrada en vigor la lei.

Pedimos xustificar a ausencia de prazas do Consorcio e tamén que incluíran as prazas das encomendas de temporais, máis a Administración defende que o persoal está incluído ao abeiro da DA8ª (no caso de ter algún máis sen incluír teremos que alegar). Tamén con respecto ao Consorcio comentou que aceptaron 25 alegacións de prazas presentadas polas organizacións sindicais.

Respostan ademais que figuran as iniciais do nome e apelidos das actuais persoas que ocupan as prazas para facilitar a súa identificación nas listaxes.

Para rematar, remitirán esta semana un listado de prazas xustificando as alegacións de cada organización sindical para que poidamos cruzar os datos e telas en conta para novas achegas.