Retomarase a revisión dos postos no mes de setembro cun grupo de traballo

O venres 5 de agosto tivo lugar unha nova xuntanza con Función Pública para tratar a revisión dos últimos listados de prazas da OPE extraordinaria 2022 publicada o 30 maio.

Unha das primeiras cuestións é a da retirada de 354 prazas do persoal das brigadas de 6 meses creadas no 2019 no servizo de incendios. Función Pública manifestou que querían un pronunciamento dos sindicatos, xa que entenden que pode haber inseguridade xurídica ao incluílas na oferta, e seguían estudando as diferentes opcións. 

Por parte da CIG facemos un chamamento á cautela e manifestamos que nós o que queremos é igualdade no tratamento da convocatoria destas prazas. Non pode ser que se fagan parceliñas e que o persoal se pelexe por un puñado de prazas. . 

Seguimos mantendo que nos preocupan como se vai baremar o tempo de traballo segundo os criterios comúns desta oferta xa que pode xerar inseguridade e discriminacións.

Con respecto ao Consorcio nos comunican que aceptaron aproximadamente o 90% das alegacións.

A maiores Función Pública nos trasladou a seguinte información:

  1. Aínda están a traballar no listado dos entes (enviarano nos vindeiros días, din)
  2. No mes de setembro farase un grupo de traballo técnico con persoal de Función Pública e dos sindicatos para valorar cada unha das alegacións denegadas.
  3. É probable que nas convocatorias publiquen o listado das prazas da OEP cos postos identificados para dar maior seguridade xurídica.