Despois das nosas sentenzas favorables ao recoñecemento do dereito para todo o persoal a Xunta e os sindicatos asinantes poñen en marcha, despois de tela paralizado durante case dous ano, a carreira profesional.

Os novos acordos de carreira, se ben teñen melloras gañadas pola CIG nos tribunais seguen a ter fundamentalmente 3 eivas:

1) Non recoñecen o carácter retroactivo do grao I para o persoal interino e temporal.

A sentenza gañada contra a orde do grao I di textualmente que se recoñeza o dereito a este persoal a acceder ao mesmo. A Xunta, CCOO e UGT manteñen que se debe de recoñecer sen efectos retroactivos. Nós mantemos que si a sentenza recoñece ese dereito este se estende ata o 2019, ano no que comezou o grao I para o restante persoal.

A CIG solicitou no TSXG un acto de execución de sentenza ao entender que con este novo acordo non se ateñen á sentenza e polo tanto será este tribunal o que decidirá quen ten razón, se o persoal interino e temporal debe cobrar o grao I dende agora ou dende o 2019.

2) Manteñen a obriga de funcionarizarse para o persoal laboral fixo que queira acceder á carreira.

Outra das sentenzas gañadas anula as disposicións da orde de confección de nóminas onde se suspende o dereito á carreira ao persoal laboral fixo que non se queira funcionarizar e se lle esixe a devolución dos importes.

A Xunta non cumpre coa sentenza e mantén a exclusión, ademais de recorrer en casación ante o Tribunal Supremo. Haberá que esperar á sentenza deste recurso.

3) Non inician o recoñecemento do grao II no ano 2021 para os subgrupos C1, C2 e AP.

A Xunta, CCOO e UGT van asinar un novo acordo para pór en marcha o grao II pero con efectos de 2022.

Hai que lembrar que paralizaron a posta en marcha do acceso ao grao II, cando se tiña que regular no segundo semestre de 2020 e ter efectos dende o 1 de xaneiro de 2021.

A escusa que puxeron para non facelo é que a CIG presentara unha demanda, escusa de mal pagador, pois unha demanda non paraliza un procedemento, as sentenzas da CIG son de mediados do 2021, cando o grao II xa tiña que estar en marcha. E a maiores o discurso de que houbo un “parón xudicial” non cola cando nin había sentenzas, nin había medidas cautelares que paralizaran nada.

Para a CIG non retomar os prazos iniciais e recoñecer o inicio en 2021 para os subgrupos C1, C2 e AP significa unha perda de dereitos e dos importes do 33% do grao II do 2021 para estes subgrupos, algo que non é tolerable.

Aínda así queremos facer unhas consideracións xa que nestes acordos hai unha serie de avances que son derivados das sentenzas gañadas pola CIG ou da negociación dos mesmos:

1) Os tramos para acceder ao grao II se igualan para todos os subgrupos.

En tres anos se chega ao 100% do complemento de carreira. No anterior acordo para os subgrupos A1 e A2, o grao II se iniciaba en 2022 e se chegaba ao 100% en 4 anos. Nestes novos acordos se reduce a tres anos e se iguala ao resto dos subgrupos e isto é positivo. Pero non a costa de que o C1, C2 e AP non comecen a cobrar con efectos de 2021, algo que sería compatible coa reducción de tramos.

2) A carreira se estende ao persoal interino e temporal.

Obrigados polas sentenzas así o fan. Pero non recoñecen o efecto retroactivo.

Aínda que con avances produto das nosas accións, consideramos que a execución das sentenzas se fai de xeito torticeiro e que non se cumpre na súa integridade o sentenciado pola Xustiza, polo que seguiremos negociando ata a Comisión de Persoal, pero de non mudar nos aspectos antes enumerados dende a CIG non poderemos darlle o noso visto e prace a esta nova carreira.