Mentiras e intentos de manipulación ao persoal

Dende unha central sindical e unha asociación (CNT/Asociatem) están a espallar o medo a perder dereitos laborais se se asina un hipotético novo contrato coa integración do Consorcio.

O persoal do Consorcio está pendente da integración como persoal da Xunta de Galiza dende que se asinou o Acordo de Integración para a inclusión no V Convenio Único para persoal laboral da Xunta de Galiza o 21 de febreiro de 2017.

Daquela, a CIG convocou asembleas de traballadoras/es para debater e votar sobre a conveniencia ou non de asinar o Acordo de Integración, e o resultado foi a favor da sinatura por unha aplastante maioría.

A adscrición ao V Convenio supuxo, para o persoal do Consorcio, significativas melloras retributivas (trienios, equiparación salarial) e de dereitos (aplicación do mesmo réxime de permisos e licenzas que o resto do persoal público), a creación das categorías de xerocultoras e PSX e a eliminación da xornada de 40h semanais.

A CNT e Asociatem están a mentir e meter medo. Manipulación, que pretenden que prenda como unha chispa na situación de incerteza na que nos atopamos as traballadoras durante o período de negociacións.

Agora din que perderemos dereitos coa novación contractual e indican a posibilidade de non asinar a dita novación.

Pero, 

Que hai de certo nisto?

O que pon o Acordo de Integración é o seguinte:

<<Sétimo. Integración do persoal laboral temporal do Consorcio.
A integración do persoal temporal farase de oficio, segundo a modificación que se acorde do devandito decreto, despois da publicación da correspondente orde, como persoal laboral da Xunta de Galicia.
Así, o persoal laboral temporal do Consorcio pasará a ser persoal laboral temporal da Xunta de Galicia nos mesmos postos de traballo para os cales foi seleccionado, realizarase a oportuna novación do contrato laboral e incorporarase á Xunta de Galicia na categoría laboral correspondente.
Aos novos contratos laborais temporais que se formalicen para prestar servizo nos dispositivos xestionados polo Consorcio de Servizos Sociais aplicaránselles as mesmas condicións de traballo e retributivas que se establecen no presente acordo para o persoal laboral que se incorpora ao Convenio colectivo único.>>

Agora, Función Pública di que non haberá novación contractual para os laborais temporais pero, aínda que a houber, está claro en que condicións tería que ser. As condicións de traballo teñen que ser as mesmas que antes da integración (antigüidade, permisos, retribucións, condicións contractuais, etc.)

Están os estatutos do Consorcio adaptados á LOFAXGA?

Tamén se está a dicir, dende esa central sindical, que os estatutos do Consorcio non están adaptados á Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza (LOFAXGA). Pois non é certo, o 26 de novembro de 2020 publicouse no DOG a modificación dos estatutos, tras asemblea xeral do Consorcio con todos os alcaldes onde hai servizos, e na modificación se establece que “A selección do seu persoal e a provisión de postos de traballo, agás os de persoal directivo, corresponderanlle ao centro directivo competente en materia de función pública.”

Vai puntuar o tempo da xornada que se reduce se te acolliches á unha redución de xornada por conciliación?

Eles din que pode ser que non. Pois é mentira. As disposicións legais en materia de igualdade recollen que ten que puntuar a tempo completo. 

Non máis mentiras e manipulación

A CIG, non o dubidedes, non asinará nada que prexudique as traballadoras e traballadores do Consorcio, pero impoñémonos a obriga de negociar até o final para conseguir melloras nas condicións de acceso aos postos, reservándonos accións posteriores se consideramos as condicións inaceptables.