O pasado mércores 02 de novembro o Servizo de Persoal da Consellería de Medio Rural comunicou ás organizacións sindicais unha listaxe con varios postos de “Axentes Forestais” (desde hai varios anos a denominación correcta é Axentes Ambientais, pero é o que ten non querer saber nin preocuparse do seu persoal) para ser cubertos a través das listas de contratación de personal interino.

Cal é a nosa sorpresa que ao comprobar os códigos dos postos a cubrir observamos que hai varios deles que non foron ofertados previamente en comisión de servizo para o persoal funcionario de carreira.

Esta situación inaceptable ten a súa causa en que o persoal funcionario de corpos especiais leva máis de 10 anos sen ter un concurso de traslados, o que lle imposibilita exercer os seus dereitos de mobilidade e conciliación da vida laboral e familiar.

Pero o despropósito non remata aí, xa que un día despois de achegarnos a listaxe, tiveron que retirar o posto co código MRC995010127640007 AXENTE SERVIZOS PERIFÉRICOS-COMARCA FORESTAL: TERRA CHA porque a persoa que o ten en propiedade xa está reincorporada ao seu posto.

Por todo isto, solicitamos ao Servizo de Persoal da Consellería de Medio Rural que corrixa o seu erro e que antes de ser ofertados os postos a través das listas de contratación de persoal interino se oferten en comisión de servizo para poder ser solicitados polo persoal funcionario de carreira.