A Consellería de Sanidade ven de forzar unha nova paralización do proceso selectivo para a cobertura de prazas das escalas sanitarias (Lei 17/1989), e fano sen amosar a máis mínima cara de vergoña.

Falamos da convocatoria mediante concurso-oposición publicada no DOG do 9 de decembro do ano 2021 (de fai un ano). O proceso estaba pendente do nomeamento do Tribunal, paso previo á realización do primeiro exercicio, pois xa foi publicada a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas a finais de xuño deste ano 2022.

Así as cousas, co proceso en execución, á Consellería de Sanidade non se lle ocorreu outra cousa que aprobar o venres 23 de decembro de 2022, unha modificación da convocatoria para incorporar nela duas prazas, unha da clase de inspector/a médico/a, e outra da clase de ATS/DUE. Como consecuencias, abrirán un novo prazo para solicitar participar no proceso, terán que publicar un novo listado provisional de persoas admitidas e excluídas, e despois o listado definitivo. Uns mesiños máis de nada!

Na convocatoria non lles deu a gana poñer unha data prevista para a realización do primeiro exercicio, polo que levamos xuntanza tras xuntanza preguntando polas previsións. Non respostaron, e agora meten un novo atraso. Pero a cousa ten máis tela: este proceso arrastra as ofertas de emprego público (OEP) dos anos 2018, 2019, 2020, 2021 e agora 2022, sen que lles caia a cara de vergoña ao chan.

Para máis complicación, as dúas prazas que engaden aos procesos xa convocados son da Oferta de Emprego Público extraordinaria do ano 2022, derivada da Lei 20/21. É dicir, son prazas que a Lei obriga a convocar nunhas determinadas condicións mediante un proceso extraordinario de estabilización de emprego público. Vai ter esa afectación pola Lei 20/21 efectos sobre a convocatoria? Non o temos claro, pero vemos que con ese paso meten unha importante dose de inseguridade xurídica do proceso que estaba en execución.

A proposta de Sanidade quedou aprobada na Comisión de Persoal do 23/12/22 co voto en contra dos catro sindicatos con representación, CIG, CCOO, CSIF e UGT.

P.D. Para quen o crea, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, di que teñen intención de realizar o primeiro exercicio polo mes de setembro do 2023 (tan só uns escasos 21 meses despois da convocatoria, ou 4 anos e 9 meses despois da primeira OEP do 2018).