Primeiro que si, despois que non, logo que non sei.. e finalmente, xa con moita xente inscrita nos procesos selectivos, o director xeral de Función Pública confirmou na Mesa Sectorial de negociación de Funcionarios que tivemos o venres 3 de febreiro, que os días de vacacións retribuídas e non desfrutalas que constan na vida laboral si computan para o tempo de experiencia.

Así que se ti es unha das moitas persoas que xa presentaron a súa solicitude de inscrición e xa pagaches as taxas, e se tes días de vacacións retribuídas e non desfrutalas sen meter na solicitude, vas ter que revisar os días de experiencia que declaraches na túa solicitude por se ao sumar eses días de vacacións tiveras máis meses dos que indicaches. E no seu caso, presentar unha nova solicitude (e a devolución das taxas xa pagadas).

Esto afecta ás persoas que presentaron solicitude para o proceso de concurso de méritos, xa que nel tiveron que introducir o número de meses de experiencia. Non afecta a quen vaia polo concurso-oposición, pois neste proceso non se mecanizan nin documentan os méritos por agora.

Estas son as consecuencias do desastre de procesos cheos de incertezas que pactaron Xunta, CCOO e UGT.

Nota final: ten coidado de non computar dúas veces os días de vacacións retribuídas e non desfrutadas se estes días solapan con novos contratos. E vixía tamén que eses días se correspondan con períodos computables á categoría/escala á que te presentas.