O que está a acontecer coas persoas que veñen de tomar posesión tras o proceso selectivo convocado no 2019 para o corpo auxiliar é esperpéntico.

Nas bases se contempla un período de prácticas. A cuestión é que na propia Resolución onde ser regula o período de prácticas se establece que estas persoas teñen un horario “..entre as 7,45 e as 15,15 horas, NO DESTINO resultante…”.

Co cal se lles tería que aplicar o disposto no artigo 141.1 da LEPG segundo o cal “Se o curso selectivo ou o período de prácticas se realizar desempeñando un posto de traballo, percibiranse ademais as retribucións complementarias correspondentes a este.”. Terían, polo tanto, dereito a cobrar non só o soldo base e trienios (no caso de habelos) senón tamén o complemento de destino e o específico. Pero o que lles aplican é o que establece a propia lei cando non se prestan servizos nun posto de traballo, cousa falsa xa que tomaron posesión e están a horario completo cada un no seu destino.

Isto sen falar da inutilidade de ter que soportar un soporífero curso da EGAP durante 4 horas diarias dunha materia con contidos non actualizados (unha versión atrasada de Libreoffice), e da que xa deron mostra patente do seu coñecemento aprobando un proceso selectivo (aínda que a Xunta rizara o rizo esta vez facendo un exame práctico de informática sen ordenador).

Ao ter coñecemento destas circunstancias e de que non van cobrar as retribucións mensuais completas esixímoslle ao director xeral de Función Pública na Mesa Xeral do venres 17 de febreiro que faga os trámites para que estes/as compañeiros/as cobren as retribucións íntegras. O director limitouse a dicir que o mércores daría resposta.