A CIG ten interposto demanda contencioso administrativa contra a OEP de 2017, 2018, 2019, 2020, 2021 por non respectar a porcentaxe de reserva para a promoción interna de persoal laboral que ven establecida no V Convenio Colectivo. A xustiza acaba de darlle a razón a CIG e obrigar a Xunta a convocar as prazas necesarias.

Como xa pasara coas OEP do 2017 e do 2019 a Sala do Contencioso-Administrativo ven sentenciar contra a OEP da Administración Xeral da Xunta de Galiza do exercicio 2020 (a do exercicio 2018 está pendente de sentenza e esperamos que saia proximamente).

O motivo polo que a Sala anula a OEP 2020 é o mesmo que nos casos anteriores: POR NON INCLUÍR A RESERVA DE PRAZAS PREVISTA NO V CONVENIO PARA A PROMOCIÓN INTERNA DO PERSOAL LABORAL, que ademais neste caso é do 50% (tanto na oferta da quenda libre, como na oferta de consolidación).

A Xunta muda a lei cando lle convén

Á Dirección Xeral da Función Pública acumúlanselle as sentenzas desfavorables pero segue a facer o que lle da a gana. E cando ve que perde e que a xustiza lle pon atrancos, o que fai a Administración é usar a Xunta e a maioría do PP no Parlamento para mudar a lei. No 2022 eliminou por lei a promoción interna de persoal laboral das convocatorias de estabilización, aínda que esta nin computa taxa de reposición, nin resta prazas, é ademais esta expresamente compatibilizada na lei 20/2021.


Xa hai dúas sentenzas iguais en prazo de execución forzosa

O TSXG impón as custas procesuais á Xunta de Galiza, mais a Xunta está en prazo de recurso e sempre recorre (como non lle sae do peto ao director xeral...). As que si son firmes e están en prazo de execución forzosa pola negativa da administración de aplicalas, son as sentenzas relativas ás OPE 2017 e 2019 e estamos pendentes de que o Tribunal Superior obrigue á Xunta de Galiza a convocar a promoción interna de laborais non convocada neses exercicios.

Entendemos que a Dirección Xeral da Función Pública esta metida nun lio gordo por non negociar ben as ofertas e tirar para adiante as bravas. Non hai problema, nos estamos sempre dispostas a negociar unha saída equilibrada, mais avisamos que na CIG non nos rendimos na defensa do persoal empregado público que non pode ver pisados ou seus dereitos de promoción.