Temos na Administración Autonómica 320 persoas que aprobaron o proceso selectivo do corpo auxiliar administrativo (subgrupo C2), pero que a diferenza doutros procesos anteriores, non foron nomeados/as persoal funcionario de carreira, senón en prácticas, obrigados/as a realizar un curso formativo durante un mes, porque así o contempla a convocatoria.

Estas persoas están no posto de traballo que lles foi adxudicado en destino provisional, e no que continuarán ata que dentro duns anos se resolva o seguinte concurso de traslados e posteriormente escollan o que será o seu destino definitivo.

Na actualidade desenvolven as funcións do posto de traballo que lle son asignadas no seu actual destino, compatibilizándoas coa formación obrigada pola convocatoria do seu proceso selectivo.

A realidade é que están a prestar servizos no posto adxudicado nun acto de elección de destino. Pero as retribucións que van cobrar son as básicas (soldo base e trienios), excluídas por tanto as retribucións complementarias (complementos de destino e específico), e includo en moitos casos se lles nega o dereito a cobrar os trienios.

Por tanto, van cobrar menos da metade do que no pasado cobraban as persoas que ingresaban no mesmo corpo.

Así o establece o decreto de provisión de postos e a LEPG para o persoal funcionario en prácticas. Pero a mesma norma prevé que se estas persoas desempeñan un posto de traballo, entón cobrarían a totalidade das retribucións. E este sería o caso.

O que se formula agora é como actuar no caso de que só lles paguen as retribucións básicas.

O Regulamento publicado o 9/2/23 non contén disposición ningunha que impoña a retribución (soldo base + antigüidade) ao persoal funcionario en prácticas por desenvolveren as funcións propias dun posto de traballo. O único que determina ese regulamento é, literalmente, isto:

"2º. As persoas que ocupan postos como persoal funcionario de carreira na Xunta de Galiza poderán acollerse ao disposto no artigo 129 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galiza (licenzas para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública) e deberán prestar servizos efectivos na praza adxudicada como consecuencia da elección de destino; neste caso, poderán optar entre percibir as retribucións que correspondan pola condición de persoal funcionario de carreira ou as retribucións previstas para o persoal funcionario en prácticas. Esta petición deberán cursala na súa propia consellería"

Semella lóxico (formalmente) que o Regulamento non dispoña nada contra da Lei (sería impugnábel se contiver disposicións contrarias á mesma). En consecuencia, non parece que a vía sexa impugnar o regulamento. Aínda así, se alguén quere presentar un recurso de reposición ao regulamento, ten de prazo ata o día 10 de marzo.

Se o que fixer a Administración, unha vez que o persoal funcionario tome posesión do posto de traballo, fora pagarlles só o salario base + antigüidade, como se non estiveren a desenvolver as tarefas propias do posto (malia estaren a desenvolvelas), o xeito de actuar vai depender do que faga a propia Administración. Segundo o caso, podería ser necesario impugnar a primeira nómina recibida ou podería proceder outro tipo de impugnación subsidiaria, por precaución, seguindo doutrina existente do Tribunal Supremo. 

En definitiva, que o impugnable non sería a norma, senón a nómina ou, subsidiariamente, a actuación material da Administración pola vía do feito. Para isto os/as interesadas terían un prazo de 4 anos para reclamar unha cantidade devindicada e non percibida.

No caso do persoal que xa prestara servizos nunha administración e teña recoñecidos os servizos prestados ou incluso xa tivera devindicado trienios como persoal interino e agora vexa como lle negan o pago dos trienios, a vía é a mesma. Neste caso a actuación da Administración é aínda peor porque a literalidade da LEPG é que se deben pagar os trienios incluso aínda que non se estivese desempeñando un posto.

Sobre a cuestión do tempo que estes/as compañeiros/as van estar en prácticas e si se lles vai ofertar destino provisional como persoas funcionarias de carreira, como non hai nada disposto, dende Función Pública nos din que unha vez que rematen este mes de prácticas os nomearán de inmediato como persoas funcionarias de carreira. Estaremos vixiantes de que así o fagan.

E independentemente da actuación individual que cada quen queira levar, a CIG seguirá insistindo nas mesas de negociación no deber da Administración de pagar as retribucións completas.