No DOG do 10/03/2023 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2023 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 20 de marzo de 2023.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na páxina web da EGAP e poderán ser consultados na seguinte ligazón https://egap.xunta.gal/ecloud/s/ eBXtEfnF8MGqCJB, sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.