No último Consello Reitor da EGAP (decembro de 2022) indicouse por parte dos seus responsables un cambio nos criterios de selección motivado pola imposta obriga legal de facelo, dados os criterios discriminatorios e excluintes empregados até decembro de 2022, e que prexudicaron a tantas persoas que durante moitos anos se lle denegou, primeiro, facer cursos da EGAP, e posteriormente só puido acceder a eles no caso só e exclusivamente de que houbese prazas sobrantes. Isto leva sendo así dende hai décadas.

Pois ben, a EGAP a marzo de 2023 segue empregando os mesmos criterios que viña empregando nos cursos que está concedendo/denegando, sen aplicar en absoluto os novos criterios, sempre con total ausencia de transparencia, e evitando que o persoal poña reclamacións porque non envía avisos das denegacións, e só hai un prazo de 10 días para poñelas.

Un exemplo da discriminación no acceso á formación que denunciamos dende a CIG témolo no curso superior de linguaxe administrativa galega en cuia convocatoria dispoñen: 

Quinta. Criterios de selección

a) Os criterios selectivos que serán empregados son os criterios de carácter xeral da Escola Galega de Administración Pública, que se poden consultar no enderezo: https://egap.xunta.gal/ecloud/s/eBXtEfnF8MGqCJB

Esta ligazón leva ao DOG do 10 de xaneiro de 2008, onde saen publicados os criterios "vellos" que en teoría quedaron anulados e substituídos polos "novos" criterios de selección dos que fomos informados en decembro de 2022.

A EGAP imposibilita que as solicitudes poidan facerse polo total de edicións deste período, senón que cada solicitante ten que elixir unha edición desta convocatoria de xaneiro 2023 e se non consegue praza nela queda fóra aínda que teña prioridade sobre outras persoas solicitantes das restantes edicións.

A maiores, remiten aos criterios de selección de 2008, que na teoría quedaron superados pero se nos seguen aplicando na práctica, polo que desde logo vai haber reclamacións e/ou impugnacións.

Dende a CIG vimos de dirixirnos novamente á EGAP para que aplique con carácter inmediato os novos criterios de selección e, por conseguinte, para que remate coa discriminación inxustificada no acceso á formación do persoal empregado público.