No DOG do 28/03/2023 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2023 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de igualdade e violencia de xénero para o persoal ao servizo das administracións territoriais, institucionais e entes públicos instrumentais do sector público da Comunidade Autónoma, así para o persoal da Administración de xustiza de Galiza e de administración e servizos (PAS) das tres universidades galegas.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración de xustiza de Galiza, das entidades locais de Galiza e o PAS das tres universidades do SUG, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Os cursos realizaranse cos requirimentos, coa duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e ata o 4 de abril de 2023.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a dous.