O día 1 de abril deste ano 2023 entrou en vigor o RD 1060/2022 de 27 de decembro polo que se regulan determinados aspectos da xestión e control dos procesos por incapacidade temporal nos primeiros 365 días da súa duración.

Este Real Decreto baséase na crecente aplicación das novas tecnoloxías nas administracións públicas, sinalando que o desenvolvemento na actualidade dos sistemas informáticos permite que a persoa traballadora non teña que realizar o trámite de entregar a copia do parte de baixa destinado á empresa.

Este modelo de xestión dos partes de baixa aforra papel, produce a comunicación inmediata da IT á empresa, e resulta cómoda pola despreocupación de ter que enviar a copia do parte de baixa á empresa (algo que pode resultar bastante penoso nalgunhas circunstancias).

Doado, non? Pois é aquí cando a Consellería de Educación decide complicar as cousas e nos di: vale, non envíes o parte médico, pero fai o trámite exactamente igual que antes.

Aínda que Educación recoñece que as persoas incluídas no Réxime Xeral da Seguridade Social non teñen a obriga de presentar os partes médicos de baixa, confirmación ou alta, invéntase a Instrucción Nº1/2023, e comunica que todo o persoal da Consellería que “deberá comunicar a situación de incapacidade temporal e a previsible duración desta mediante a páxina web edu.xunta.gal/datospersoais, lapela Comunicación de incapacidade temporal sen que sexa preciso que se suba á dita páxina ningún parte médico (baixa, confirmación ou alta)”.

Cando a todo o persoal se lle obriga a facer os trámites por medios electrónicos sin facilitarlles previamente unha formación dixital básica, a Consellería de Educación decide que non se ten por que molestar en mirar os partes que lle chegan dende a administración sanitaria e prefire que sexan as traballadoras e os traballadores os que lle fagan o traballo ás unidades de persoal.

O Real decreto 1060/2022 persegue a aplicación do principio de eficiencia e evitar obrigas administrativas innecesarias ou accesorias e racionalizar a xestión dos recursos públicos, así como evitar certas obrigas ás persoas traballadoras, e indica claramente que o INSS comunicará ás empresas os datos contidos nos partes no día en que son emitidos ou no seguinte día hábil. Entón, porque a Consellería de Educación saca unha instrución que sigue a responsabilizar ó persoal da comunicación de partes?

A Consellería de Educación debería deixar que ó seu persoal recupere a saúde en paz durante as baixas e, no canto de pedirlles que continúen a facer un trámite que xa está realizando o INSS, preocuparse de cubrir as ausencias por IT do persoal mediante substitucións inmediatas; ó mellor así evitaban que máis persoal tivera que coller a baixa debido ás sobrecargas de traballo.