Medio Rural prepara unha enquisa que di que é “non vinculante” para tantear ao persoal fixando salarios e funcións e condicionando unha posterior negociación colectiva.

A Consellería do Medio Rural non concreta a proposta xerando confusión e incerteza. Divide ao persoal funcionario, axentes e técnicos, en dúas direccións xerais mudando o sistema e carga de traballo e a estrutura territorial e funcional.

Comezar a casa polo faiado, obviar a negociación colectiva, saltarse as normativa e que o fin xustifique os medios  é xa algo case habitual nesta consellería. Confrontamos esta actitude e rexeitamos unha enquisa que xa sinala condicións laborais e funcións sen terse aberto sequera un proceso de negociación onde se plantexen as bases da división, a carga de traballo ou a distribución territorial. Medio Rural individualiza as negociacións cunha enquisa chea de arbitrariedades e que converte o persoal en persoal a dispor da dirección xeral correspondente (iso si “dacordo coa persoa que vai ser mobilizada porque aquí somos todos amiguiños”).

 

A mobilidade: a dedo?

Sen concurso de traslados dende o 2012, sen procesos selectivos dende o 2013 e cunha alta porcentaxe de persoal interino, agora queren mover ao persoal ao gusto do consumidor e sen concurso. Isto nin e serio nin é legal, e para máis deixanse gardada a posibilidade de mobilidades posteriores ao dispor das direccións xerais.

Se teiman na división, non se pode facer ás bravas, hai que facer un plan de emprego no que se estableza unha provisión dos postos obxectiva e deixarse asignacións a dedo.

 

O salario e as condicións laborais están en cuestión

O salario é importante, e moito. Pero tamén o son as condicións de traballo, a carga de traballo, a distribución funcional e territorial deste e por suposto a organización habitual e de “picos extraordinarios”. E se ten que pór sobre a mesa todo e logo comezar a negociar.

Na enquisa sinalan as condicións laborais porque se respostamos=aceptamos e xa non teñen que discutilas e como, xa imos estar divididas, teremos menos forza, e ademais trae repercusión salarial á baixa pero solo para a metade. A realidade e que con isto cárganse os Acordos de condicións de traballo do persoal axente e técnico.

 

A posición da CIG

A CIG reclamamos a negociación dun Plan de emprego, como se fixo noutros casos de peche ou mobilidade de centros, onde se respecten os dereitos do persoal.

Que retiren a enquisa e se poñan a negociar é a nosa alegación principal, pero se queres achegarnos máis cuestións contacta cos teus delegados/as de referencia ou faino aquí.