O día 3 de maio tivemos a segunda reunión coa Consellería do Medio Rural para a creación das brigadas helitransportadas no servizo de incendios forestais.  

Dos cambios feitos pola consellería destacamos:

1. Crean 50 prazas de persoal de brigadas helitransportadas que estarán operativas este verán. Tendo en conta o proceso de funcionarización actual, vanas cubrir mediante comisións de servizos e de non poder cubrirse todas mediante este sistema, farán os chamamentos polas listas de laborais da categoría correspondente de orixe (dáse por feito que non vai haber listas de persoal funcionario operativas para primeiros de xuño. Os chamamentos serán de aceptación voluntaria.

2. Con respecto ao persoal emisorista, o persoal que ocupa as prazas prestará servizo na base da helitransportada durante o período de funcionamento do helicóptero, e no centro de coordinación de distrito correspondente o resto do tempo.

3. Aceptan corrixir o centro de traballo, as prazas adscríbense ao distrito coa comarca e concello correspondentes.

4. Para acceder haberá que superar a proba física Pack Test consistente en camiñar 4.800 metros sobre terreo chan cun peso de 20 kg. ás costas, nun tempo máximo de 45 minutos. Retiran do documento o requisito de proba anual á espera dunha negociación no ámbito axeitado.

Dende a CIG manifestamos o seguinte:

• Valoramos de xeito positivo a creación de emprego público máis entendemos que esta proposta podería ser mais ambiciosa e rescatar ao resto das brigadas helitransportadas para á xestión pública.

• Rexeitamos a arbitrariedade da cobertura mediante comisións de servizos. Propoñemos, coma sempre, criterios obxectivos de adxudicacións nas comisións de servizo polo menos como coas adscricións temporais do V Convenio.

• Opoñémonos ás amortizacións. Esiximos unha memoria económica mais completa que compare o emprego neto destruído na privada e o seu custo, co emprego neto creado na pública.

• Parécenos máis axeitada a nova distribución nos centros de traballo de destino.

• Solicitamos que se estableza unha negociación para regular os desprazamentos do persoal emisorista a dous centros de traballo diferente (itinerancias) e as súas compensacións.